Read more: http://techdesktop.blogspot.com/2007/08/manual-cual-es-el-feed-de-mi-blog.html#ixzz2OPda9Tcp

TESTAMENTO, Marica Campo



Cando digan que fun e non estea,

cando a terra por min o ventre abra,

quen quixere pregar alce a palabra

que tiven eu na boca, e non a allea.



Non me fagan penar nesta estadea

que no medio da noite o medo labra,

non me neguen, por Deus, o abracadabra

pra saír da cova a onde clarea.



Deixoo dito aquí coa sinatura,

humildemente o digo, máis reclamo

que non me cuspan sobre a sepultura:

Prefiro do silencio o simple ramo

sobre a pedra calada, fría e dura

se non rezan por min na lingua que amo.


1999. Biénio Irmandiño.

NON NOS IREMOS, Tawfiq Zayyad



Aquí
enriba dos vosos peitos
persistimos
como unha muralla
nas vosas gadoupas
como cascos de vidro
imperturbáveis
e nos vosos ollos
como unha tempestade de lume.

Aquí
enriba dos vosos peitos
persistimos
como unha muralla
famentos
nus
desafiantes
cantando versos.
Enchendo as iradas ruas
de manifestacións,
e de orgullo, os cárceres.

Bebede-vos o mar,
que aquí permaneceremos.


Somos os gardas da sombra
das laranxeiras e das oliveiras
sementamos as ideas como a levedura na pasta
os nosos nervos son de xelo
mais os nosos corazóns botan lume.
Cando teñamos sede
espremeremos as pedras,
comereriamos terra
se tivesemos fame.
MAIS NON NOS IREMOS
e non seremos avarentos do noso sangue.

Aquí
temos un pasado
un presente.

Aquí está o noso futuro.


LOITADOR, Roberto Blanco Torres



¡Loitador, non te deteñas!
Ten cada hora novo alento,
sigue a luz que te ilumiña,
mira a cotío pró ceo.
A un lado e outro do camiño
toparás pinchos e rebos,
e da estulticia e a envexa
ladraranche os cans famentos.
¡Loitador, non te deteñas!
¡Levas a verdá no peito,
e a estrela que te guía
ten resplandores eternos!

SON UN HOME, Antonio Guerrero



Son un espia din
son un home sinxelo
adicado á sua vida
a servir e a criar.

Son un espia din
son un home modesto
que non ostenta viver
mellor que os demáis.

Son un espia din
son un home discreto
que non ten segredos
que non ten maldade.

Son un espia din
son un home amigável
que non ten inimigos
si amigos de verdade.

Son un espia din
son un home bon pai
que inculca aos seus fillos
o amor á bondade.

Son un espia din
son un home bon fillo
que coida con desvelo
o fogar maternal.

Son un espia din
son un home emotivo
romántico, leal
poeta ocasional.

Son un espia din
son un home sen medo
seguro de si mesmo
tranquilo no seu andar.

Son un espia din
son un home sen guerras
guerreiro de apelido
mais cheo de paz.

Son un espia din
son un prisioneiro inocente
prisioneiro valente
ao que queren xulgar.




OLLO POR OLLO, Antón Avilés de Taramancos



Ollo por ollo, pobo meu, é hora
de vingar as afrentas que nos deron
e as que nos fan os sátrapas de agora:
os que nos perden e os que nos perderon.
Tantas feridas de aguzada espora
que nas nosas costelas floreceron
é tempo de saldar; se non o fora
démoslle ao tempo o fel que nos verqueron.
Dente por dente, pobo meu, non poñas
a outra meixela á man que che fustiga,
que se oferece pan dános ponzoñas.
Que está tanto a medrar caste inimiga,
piollos do teu ser, pestes, carroñas,
que en vez de perdoar, ¡morde, castiga!

IANQUIS FILLOS DE PUTA. Humberto Constantini


De feito
só queria dicer
iso.
De feito, a vida
é,
poñamos por exemplo,
unha mazá.
Entón,
un mira-a, toca-a,
fai-lle festas,
bica-a, fala-lle,
quizais
até debuxe mazás
imitando-a.
Quere-a así, maza,
rica, gorentosa, viva,
indescifrável,
sábia.
Se a quer esmagar,
se ven
un becho; por exemplo,
un ianqui fillo de puta,
para ser máis precisos
a matá-la,
xa non se pode falar
así da mazá.
Hai que matar ao becho,
é necesário
odiá-lo,,
destruí-lo.

É case obrigatório
dicer-lle fillo de puta,
dicer-lle ianqui fillo de puta
todos os dias, relixiosamente
e atopar o xeito
de acabar con el.
Por amor á vida,
simplesmente.

De feito
quizais
non me explicara ben.
Se un ten,
poñamos por exemplo,
un amor, unha cousa
que lle anda pola pel
por todas partes.

Digamos
Buenos Aires.
Digamos
un outubro, un poema, unha moza.
Ou digamos a esquina
de Nazca e Tequendama
os domingos, ás seis da tarde.
(Estou case certo
que habia unha esquina así en Santo Domingo
que habia un vello,
unha cadeira,
un ceo inverosímil,
mozos que viñan do fútbol,
señoras apuradas,
bucinas, que sei eu
e quizais
até un tipo solitário
coma min
que miraba)
Se un ten un amor entón,
iso que lle camiña pola pel,
diciamos,
e pasa algo,
acontece
que ven o mal, a peste, unha desgrácia,
ou para non ir máis lonxe
veñen os marinesidiotas,
os cretinos mascadores de chicles,
odiadores de todo o que medra
e desembarcan.
Entón
xa non se pode falar así sen máis,
hai que matar a morte dalgún xeito,
hai que pelexar con raiva,
destruí-los,
sair-lles ao encontro como sexa
e ademais
dicer, dicer fillos de puta,
dicer marine ianqui fillo de puta,
dicé-lo e masticá-lo
e aprender-llo aos rapaces
como un rezo.
Por amor á vida,
simplesmente,
coido.