Read more: http://techdesktop.blogspot.com/2007/08/manual-cual-es-el-feed-de-mi-blog.html#ixzz2OPda9Tcp

PRANTO POLO CHÉ. ELEXÍA ISTANTANIA A ERNESTO GUEVARA. Uxio Novoneyra



As aves da tua morte foron os muricegos que non vira en todo o ano.
Por iles soupen que é certo.
É certo! é certo! é certo! é certo! é certo!
Ás palazadas por dúbida entre certeza quer vir o pranto
como o peso de prumas inda quentes dos derradeiros paxariños mortos
de tódalas anduriñas que cairon ó irse.
Como os homiños morren os éroes
non se funden Os Andes nin nada.
A mesma door xa afroxa a gorxa ó decorrer polo pranto baixiño.
E nin inda agora nin pra ti teño outra voz.

10 noite
10/10/67

MEDITACIÓNS AO COMPÁS DA LEITURA DUNHA NOVA XORNALÍSTICA, Heike Doutine



Leo:
Americanos expertos na luita na xungla
da infantaria de mariña,
apoiados por bombardeiros e carros de combate,
rexeitaron ao inimigo xunto a Khe Shan.
Morreron 51 vietkongs.

Consulto o dicionário.
Busco a palavra
VIETKONG

Encontro:
comunista vietnamita.
Palavra composta por:
Viet, a persoa,
e Kong, a idea.

Comprobo:
Americanos expertos na loita na xungla,
apoiados por bombardeiros e carros de combate,
mataron a 51 persoas,
para matar unha idea.

Pergunto:
Cando comprenderá o Pentágono
que soldados e tanques,
napalm, gas tóxico e bomas
só poden matar a persoa,
só ao Viet,
nunca ao Kong, a idea?

POEMA Á PATRIA. Manuel Maria


A Patria érquese no territorio
da nosa intimidade,
na nación
do noso sentimento coletivo
aséntase na lembranza das
nosas vitorias, espranzas,
erros, ledicias e derrotas
mantense
co esforzo popular,
loita, traballo, entrega fiel
e xenerosa.
A Patria
faise día-a-día/intre-a-intre,
esforzo
a
es-for-zo luíndo
esta nosa fala que temos pra
entendernos/com-prender-nos,
na que se ditarán as leises
e se contará a nosa propia
única-Historia-verdadeira,
o idioma común que usamos e
gastamos pra escribir cartas,
panfletos, programas e cancións.
A nosta TERRA aínda non é nosa.
A nosa xente anda espallada
polo mundo
e nós
estamos vivindo sulagados nun
caos/anacrónico/suicida.
Mais
somos donos dun ideal,
temos bandeira,
contamos
cun pobo que non renunciou
ó dereito de vivir
i está
disposto a tirar tódolos xugos,
rachar as infindas cadeas
que o teñen amarrado
ó subdesenrolo,
ó asoballamento
i a i-n-x-u-s-t-i-c-i-a.
Compre
comenzar polo principio,
dinamitar o vello/vergoñoso
edificio colonial/imperialista
e construír, desde os cementos,
unha patria nosa/nova/ceibe:
A GALICIA POPULAR/SOCIALISTA
QUE NÓS SOÑAMOS
E QUEREMOS